Sunday 05 de May de 2024

O novo goberno de Ribeira aproba os orzamentos nos 100 primeiros días de mandato


Increméntase o gasto social e a partida de servizos básicos de limpeza e mantemento

O alcalde de Ribeira, Luís Pérez, a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso e o segundo tenente de alcalde Francisco Suárez-Puerta, presentaron hoxe os orzamentos que se presentarán a debate no pleno extraordinario que se celebrará mañá.

O documento difire do anterior orzamento presentado polo Partido Popular. O orzamento ascende a 36.358.220 euros; fronte aos 32.121.000 euros que presentara o anterior goberno. A partida para conservación de infraestruturas aumenta en 40.000 euros, a de deportes en 30.000 euros e o saneamento en 201.000 euros. A dotación para alumeado público tamén se incrementa en 31.000 euros, medio ambiente; 7000 euros; axuda ao fogar 27.000 euros e a partida de festexos aumenta en 40.000 euros.

No documento presentado polo equipo de goberno tamén se incrementa a contía adicada á seguridade -axentes de policía e protección civil- e as adicacións a subvencións deportivas, á promoción económica no municipio e á atracción do turismo. Concretamente,
“É necesario levar a aprobación este orzamento coa finalidade de dar cobertura ás necesidades básicas que demanda a veciñanza do municipio” afirmou Herminia Pouso, quen tamén explicou a necesidade de continuar coa tramitación e licitación dos proxectos de obra para os que o Concello xa ten subvencións concedidas.

A concelleira de Economía destacou a actual obriga do Concello de “dotar partidas económicas debido a facturas pendentes de pago”. Exemplificou isto falando da partida destinada ao Museo do Gravado de Artes, explicou que “o anterior goberno tiña sen acometer o gasto correspondente ao ano 2022 e ao exercicio do 2023, e como esta outras moitas”.

Os novos orzamentos tamén recollen incrementos para facilitar a finalización de obras; como a estación de autobuses ou o parque de Palmeira por citar algúns exemplos. “Atopámonos con que a obra executada pouco ten que ver co que se tiña adxudicado no proxecto inicial, polo que se tivo que dotar de máis contía económica para facer viable o remate da mesma”. Así mesmo, dotouse de crédito a adecuación das instalacións do antigo auditorio coa finalidade de facer o traslado do funcionamento dos servizos municipais que actualmente están na Casa do Concello, prevendo a obra que se vai a realizar, “se non hai causas que o impidan, xa que recentemente a licitación da reforma da Casa do Concello volveu a quedar deserta.” salientou Pouso.

Os orzamentos contemplan unha nova operación de endebedamento para facer fronte ao investimento das obras concedidas a través de Fondos Europeos “que poñen ao Concello na tesitura de renunciar a eles ou acudir a maior endebedamento. Gustaríanos avanzar máis rápido en cuestións prioritarias como mantemento ou limpezas pero temos que facerlle fronte a débedas e gastos non aboados e comprometidos en anos anteriores” explicou a concelleira.

O documento tamén inclúe o estudo comparativo sobre a circunvalación e as alternativas formuladas polo goberno; e recóllense as contías económicas adicadas a financiar as actividades e medidas de impulso comercial. Destínanse 20.000 euros para a promoción da feira Gastromar, 20.000 euros para impulso do comercio local e 5.000 para a promoción do Nadal. Auméntase tamén o número de operarios na brigada de mantemento municipal, a partida adicada ao alumeado de nadal e a partida para benestar animal; co propósito de mellorar as instalacións municipais da canceira e habilitalas para acoller outros animais domésticos.
Os servizos públicos básicos alcanzan o 31% do orzamento e a dedicación a infraestruturas o 20%. O porcentaxe de débeda pública é o 2,54%, que segundo explicou a concelleira de Facenda “é un porcentaxe baixo porque hai varias operacións de préstamo formalizadas das que aínda non se comezou o proceso de amortización de capital”.

A concelleira tamén fixo alusión á crítica do número das dedicacións exclusivas, e aclarou que “o proxecto económico actual dedicado a órganos de goberno é inferior ao que propoñía o Partido Popular; e supón o 1.65% do total do orzamento.”

Pola súa parte, Francisco Suárez-Puerta destacou que “a area social aumenta nun 25%, a partida adicada ao CIM increméntase nun 87%, educación un 9%, a prevención de incendios nun 10% e o mantemento de xardíns nun 22%”. Así mesmo explicou que coa aprobación do orzamento poderase levar a cabo a actualización salarial dos traballadores do Concello e crearanse 2 prazas para axentes para reforzo
da policía local, 2 do grupo de emerxencias, 2 na brigada de mantemento e 1 no conservatorio.

O alcalde Luís Pérez destacou a anomalía de presentar as contas “practicamente co ano vencido, xa que hai moitas partidas orzamentarias que xa están co gasto efectuado ou efectivizar acordos plenarios, “como o estudo da circunvalación ou a mellora do mantemento”.

O rexedor explicou que a aprobación destas contas “é necesaria para desbloquear proxectos paralizados que tiña o Partido Popular e que son fundamentais para a calidade de vida de tódolos ribeirenses”. Neste senso destacou a estación de autobuses, o parque infantil de Palmeira e partida de saneamento, que aumenta en máis de 200.000 euros; “porque son servizos fundamentais que debemos prestar á veciñanza”.

O alcalde explicou que o aumento da débeda pública é herdanza do anterior goberno ao establecer grandes proxectos e aludiu a “gastos que tiñan comprometidos e que non estaban recollidos en ningún documento económico”.

O rexedor reafirmou a intención da nova corporación de atender aos mantementos, limpezas e dotación de servizos básicos á poboación que melloren a calidade de vida de toda a veciñanza.
Por último e en aras a unha maior transparencia, as contas poderanse ver na web do concello unha vez sexan aprobadas polo Pleno da Corporación Municipal.